O Concello de Ponte Caldelas logra a inserción laboral de 17 persoas cun curso especializado sobre estruturas metálicas

A empresa «Metal Works and Structures» contratará á totalidade dos participantes nesta iniciativa pioneira no municipalismo galego


 21 marzo 2018
 Ponte Caldelas
Inserción Laboral

O Concello de Ponte Caldelas converteuse no primeiro de Galicia en financiar un curso de formación e inserción laboral en colaboración cunha empresa concreta e de alta especialización para acadar a inserción laboral do 100% dos participantes.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) apostou decididamente pola colaboración público-privada e asinou unha colaboración coa empresa «Metal Works and Structures» que permitiu proporcionar unha valiosa formación á carta en montaxe de estruturas metálicas a 17 persoas empadroadas en Ponte Caldelas. Todas elas verán agora recompensado o seu esforzo coa incorporación a unha empresa punteira.

O alcalde, Andrés Díaz, entregou onte os diplomas a gran parte dos beneficiarios (16 homes e unha muller) e destacou que o Concello asumiu un 70% do custo da formación, cun orzamento total de 17.500 euros. Deste xeito, os asistentes só tiveron que asumir 300 euros que, mesmo nalgúns casos, aboarán como desconto na súa primeira nónima. Dase a circunstancia de que ao curso sumouse tamén un mozo de Vigo que pagou os 1.300 euros íntegros do prezo da formación.

Andrés Díaz felicitou aos participantes, con idades comprendidas entre 20 e case 50 anos, e subliñou que moitos deles estaban en paro ou en situacións económicas complicadas e abren unha nova etapa. Ademais, agradeceu á empresa a contratación da totalidade dos cursillistas, pois o compromiso inicial co Concello era a de seleccionar «a un mínimo do 50% dos aprobados».

No acto de entrega de diplomas participou Daniel Prego, xefe de Recursos Humanos de «Metal Works», empresa de montaxe que xunto co seu centro de Enxeñería e Producción «Elements Factory», desenvolve proxectos de estruturas metálicas por todo o mundo. Son quen de ofrecer deseño, enxeñería e/ou montaxe en función das necesidades dos clientes. Actualmente teñen obras abertas en Madrid (aeroporto de Barajas e unha papeleira en Fuenlabrada), Aveiro (instalacións de Renault en Portugal), Santiago (nova estación), Miranda de Ebro (actuacións ferroviarias) e, moi en breve, tamén na ponte de Rande.

Os catro primeiros traballadores de Ponte Caldelas incorporaranse ao cadro de persoal da empresa despois de Semana Santa e o resto, ata completar o total de 17, farano gradualmente nos próximos meses.

No acto de entrega de diplomas tamén tomou parte Francisco López, técnico da formadora especializada no sector industrial Formasolga, quen destacou o esforzo e motivación alcanzado neste grupo, o que fixo posible que todos conseguiran aprobalo. Durante 200 horas aprenderon conceptos teóricos e fixeron prácticas de Soldadura, Interpretación de planos, Eslingado de cargas, Formación en PRL en montaxe de estruturas, Traballos en altura e Operador de Plataformas Elevadoras Móviles de Persoas.

Daniel Prego subliñou que Ponte Caldelas foi «punta de lanza» e exemplo para outros concellos unindo esforzos cunha empresa para formar aos seus veciños e poñelos no mercado laboral. Animou a seguir esta experiencia de éxito que demostra que os concellos poden facer moito máis que organizar cursos que só engordan o currículum, pero non carrexan garantía dun posto de traballo.

O responsable da empresa relatou que a crise económica provocou unha ausencia de profesionais cualificados en estruturas metálicas. Os que había, engadiu, ou están asentados no sector Naval ou emigraron, así que hai unha demanda laboral que non se está a cubrir. Os ciclos de Formación Profesional existentes, rematou, non achegan a formación específica e o perfil que unha empresa como Metal Works necesita.

O alcalde de Ponte Caldelas indicou que con este curso, con compromiso de contratación, Ponte Caldelas dá un paso adiante na súa aposta pola inserción laboral, un campo no que está a traballar intensamente, tanto por medio de acordos de rebaixas impositivas ás empresas do polígono da Reigosa como a través de contratacións temporais ou tamén con outro tipo de actividades de formación máis clásicas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *